Sobre o proxecto

Que é?

MediaMapa.Gal é un espazo web adicado ao coñecemento da realidade mediática galega que ten como obxectivo achegarlle aos profesionais, investigadores e ao conxunto da cidadanía unha ferramenta útil e sinxela para explorar os medios de comunicación galegos. O elemento principal do sitio é o Mapa dos medios galegos, no que se pretenden recoller todas as iniciativas mediáticas activas na Comunidade a través dun mapa interactivo no que os usuarios poden localizar, coñecer as características básicas e acceder a cada un destes medios.

MediaMapa.Gal é froito dun continuo traballo de observación e seguimento dos medios galegos, onde non só se recollen os tradicionais e máis consolidados, senón que tamén se rexistran aquelas iniciativas locais e cidadás que nacen decotío na nosa Comunidade. Polo tanto, MediaMapa.Gal é tamén un proxecto de investigación cuxos resultados se publicarán en aberto e de forma periódica no sitio.

Quen o promove?

MediaMapa.Gal é un proxecto promovido por Cruz Negreira, xornalista e doutoranda en Comunicación e Información Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade centra as súas investigacións no desenvolvemento dos medios de proximidade na rede, máis concretamente dos medios hiperlocais, en Galicia e no conxunto do Estado. En MediaMapa.Gal difunde parte destes resultados, que se enmarcan noutros proxectos realizados no grupo de investigación Novos Medios da USC.

MediaMapa.Gal desenvólvese ao abeiro da bolsa Nacho Mirás para Novos Titulados, creada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, patrocinada por Abanca e en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.